Sobre nós

Logo dunha longa e exitosa traxectoria na música galega formando parte de bandas como Xenreira, A Matraka Perversa ou NAO, Jásper volve á carga cun novo proxecto musical chamado Loita Amada. 

Nesta nova andaina, acompañado da pandereteira Nébeda Piñeiro, comeza a darlle forma a un proxecto novidoso que xorde da canción protesta galega. O seu obxectivo é conducir este estilo a ocupar novos espazos e sonoridades.

Loita Amada é a nova poesía galega. Mestura a forza e o carácter combativo de Jásper coa sensibilidade e bo facer de Nébeda nunha explosión sonora que non deixará indiferente a ninguén.

Viva a Loita Amada Revolucionaria! é o nome do seu primeiro disco. Nel podemos gozar desa dualidade: amor e loita, a que nos ten acostumados Jásper e que queda reflexada á perfección co nome da banda.

Podemos asegurar, sen medo a equivocarnos, que é o álbum máis íntimo do compositor estradense, no que demostra non ter medo a mostrar o máis profundo dos seus sentimentos. 

Un álbum no que podemos escoitar cancións que falan en primeira persoa de derrotar os seus propios demos, do amor aos devanceiros e aos nosos descendentes e, como non, cancións que chaman á rebeldía, á dignidade, cantos á liberdade, á esperanza e a á resistencia. 

E todo isto fano mesturando estilos que van dende a muñeira ao vals, dende a xota ao rock forte. Alén diso, cómpre destacar a unha Nébeda que rompe o rexistro tradicional para dotar de sentimento e fraxilidade un disco que emana forza por todos os poros.

Toda unha declaración de intencións e un golpe na mesa, reivindicándose como unha das bandas con maior proxección dentro da actual escena musical galega.